Saturday 04 de May de 2024

Pedro Álvarez de Osorio e Beatriz de Castro “reinauguran” o castelo de Moeche os días 15 e 29 de agosto


Os actores Yago Espasandín e Raquel G. Crespo métense no papel dos condes de Lemos para representaren a obra histórica e humorística “O castelo non é para nós”

Poñámonos en situación. Ano 1469… ou quizais 1470, as crónicas non se aclaran. O conde de Lemos, Pedro Álvarez de Osorio e a súa esposa Beatriz de Castro achéganse a Moeche para inaugurar o seu novo castelo… que non é novo, senón o vello reconstruído como castigo polos mesmos labregos que o derrubaran uns dous anos antes no escenario bélico da segunda Revolución Irmandiña. Trala inmisericorde represión da revolta, o nobre máis poderoso da Galicia daquel entón organiza canda a súa dona -e tía- unha grande festa de reestrea da fortaleza que esperan sexa recordada por sempre. Pero nada vai saír como eles pensan… E ata aquí podemos contar para non destripar a historia “O castelo non é para nós”, interpretada por Raquel G. Crespo e Yago Espasandín, que se representará entre os seus muros os días 15 e 29 de agosto. As entradas xa se poden ir reservando no 981 404 006 ou no correo turismo@moeche.gal. Teñen un prezo único de 5€ a xeral e de 2€ para menores de 6 anos.

O teatro ambientado na historia do castelo de Moeche é xa un clásico do verán que este ano toma como referentes ao conde de Lemos, Pedro Álvarez de Osorio, e á súa primeira esposa, Beatriz de Castro, situándoos nunha ficticia reinauguración do edificio despois da guerra mantida polo campesiñado e a pequena fidalguía contra os abusos da nobreza terratenente, entre a que eles mesmos se contaban.

O único verídico na obra serán os nomes dos personaxes e o escenario do castelo, cuxa configuración arquitectónica actual é resultado da reconstrución promovida polo conde trala revolta.

Porén, salvo isto e os datos históricos contrastados que apuntalan o libreto, “O castelo non é para nós” é unha ficción preparada a tres bandas por Raquel G. Crespo, Susana Crespo e Yago Espasandín, con asesoramento neste caso do técnico municipal de Turismo, Ramón Carballeira.

O lugar e os episodios ocorridos nel hai seis séculos son a base para armar unha peza teatral de 45 minutos na que se entretecen feitos documentados cun argumento en clave de humor, co obxectivo de que o público asistente sexa ao mesmo tempo convidado na festa inaugural dos Lemos e testemuño das tribulacións de Don Pedro e Dona Beatriz.

“O castelo non é para nós” representarase o 15 e o 29 de agosto. Cada un deses días haberá dous pases, un ás 12.30h e outro ás 16.30h. É obrigatorio reservar entrada chamando polas mañás de luns a venres ao 981 404 006 ou enviando un correo a turismo@moeche.gal. As entradas teñen fixado un prezo xeral de 5€ -2€ menores de 6 anos- e haberá que retiralas na taquilla do castelo minutos antes de cada representación. Co billete de acceso tamén se pode aproveitar para visitar as distintas dependencias da fortaleza e o Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas.

Fotos do castelo de Moeche (César Galdo)

Recordatorio: Aínda hai prazas dispoñibles para a Xeorruta do Toelo deste domingo

Dentro das accións de dinamización do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, o Concello de Moeche reedita as exitosas rutas que nos descobren as particularidades do toelo -un tipo de rocha case exclusiva da nosa zona- e dos espeleotemas que gardan as galerías de Mina Piquito.

Este domingo 8 de agosto tócalle á Xeorruta do Toelo, con saída do castelo de Moeche ás 10.00h para visitar as antigas canteiras do monte da Caleira, de onde saíu este material con destino aos talleres de canteiría ornamental e tamén para ser utilizado na industria metalúrxica. No camiño e ida e volta veremos como se utilizou esta variedade de serpentinita na arquitectura tradicional e relixiosa.

A xeorruta do toelo ten un custe de 6€, nos que se inclúe o seguro e tamén a entrada no Castelo de Moeche. Hai 20 prazas dispoñibles e as inscricións deben facerse a través deste formulario. Nel xa se indica a maneira de efectuar o pagamento.